Un ano moi complicado pero frutífero
A escasos días de que remate o presente ano dous mil dezasete, dende a asociación de veciños consideramos que é o momento idóneo para facer balance de todo o realizado ó longo do mesmo. Así, para os que formamos parte da Xunta Directiva da mesma, sen dúbida, foi un ano bastante complicado pero ó mesmo tempo moi frutífero.
Como calquera balance que se prece, sempre é bo comezar polos aspectos máis negativos, para logo destacar as cousas boas e valoralas na súa xusta medida. Pois ben, como sabedes, os nosos pobos non pasan polo seu mellor momento, o envellecemento e o despoboamento do rural son un feito que non pasa desapercibido para nada nin ninguén, e unha vez máis temos que falar de casas que se cerran e de perda de socios. Non hai tanto tempo, esta asociación contaba con 82 familias asociadas e a día de hoxe a duras penas chegamos ás 67.
Pero non nos poñamos tristes e quedémonos co positivo, ó longo deste ano esta asociación de veciños foi unha das máis activas e con maior participación veciñal do Concello de A Merca. Entre todos, celebramos toda canta festa se nos puxo por diante: o San Ceriz, a festa das Neves, o Magosto e o San Andrés, todas elas cunha participación extraordinaria. Realizáronse dúas xornadas de xogos infantís, unha dentro do programa das festas e outra encadrada nas primeiras olimpíadas da Broa, e a elas asistiron máis de 30 nenos e nenas da nosa contorna, feito bastante insólito nestes tempos que corren para o rural galego. Organizouse unha nova noite de monólogo a cargo do gran actor Avelino González e o campo da festa de Zarracós volveu a servir de punto de encontro para os veciños da Broa. Comezouse un curso de iniciación á pandeireta cunha aceptación máis que notoria por parte do alumnado. Impartiuse unha conferencia sobre o Castiñeiro para froita e agora estamos ás portas de levar a cabo un novo concerto de Nadal, que sen dúbida, volverá a ser a escusa perfecta para reunir a veciñanza destas nosas parroquias.
Pero non só iso, celebramos campionatos de: tute, chave e fútbol, seguimos recuperando fotos antigas da nosa parroquia e ademais sacamos a relucir a nosa faceta máis solidaria reunindo preto de 300 quilogramos de comida para o Banco de Alimentos de Ourense. Ademais, renovouse por completo a páxina web da asociación de veciños para modernizala, facela compatible con todo tipo de dispositivos e seguir consolidando este medio como un punto de encontro para os veciños e veciñas residentes e na diáspora, non en van este ano volveuse a superar a nada desprezable cifra de 3.550 visitas.
Por todo o exposto anteriormente non debemos desanimar, todo o contrario, debemos animarnos e estar orgullosos do noso. Case con toda seguridade, seremos menos e moitas cousas teñan que transformarse e cambiar, pero o importante é seguir tendo motivos para xuntarse cada vez que se poida, só iso fará que as pequenas parroquias como a nosa sigan tendo vida.
Dende a asociación agardamos que as actividades organizadas o longo deste ano que esta a punto de rematar, coas súas virtudes e cos seus erros, fosen do agrado da maioría de todos e como non desexarvos un feliz e próspero ano 2018 que xa vos anunciamos que virá cargadiño de moitas e boas novas.
29 de Decembro do 2017