O IV Concerto de fin de ano encheu de música e público a Igrexa Parroquial de Zarracós

A cita musical tivo lugar pasado sábado, día 30 de decembro, do 2017

O IV Concerto de fin de ano encheu de música e público a Igrexa Parroquial de Zarracós

O pasado sábado, día 30 de decembro, a Igrexa Parroquial de San Andrés de Zarracós acollía unha nova edición do xa tradicional concerto de fin de ano, que este ano acabada a súa cuarta edición. Unha entrañable cita musical organizada e dirixida polo inimitable Bieito Blanco coa colaboración da Asociación de Veciños de Zarracós, dos veciños da parroquia e do Excmo Concello de A Merca.

Polo improvisado e solemne escenario dunha igrexa parroquial ateigada de público para a ocasión, foron pasando un importante elenco de artistas profesionais e non tan profesionais.  En primeiro lugar actuou o coro composto por veciños e veciñas da parroquia de Zarracós e das parroquias limítrofes que interpretaron unha fermosa  panxoliña titulada “Alegría, Paz y Amor” que acompañaron ó acordeón e á pandeireta Bieito Blanco e Cris (Profesora do curso de pandeireta). Seguidamente, sería a quenda para o debut “oficial” do grupo de pandeireta que interpretaría unha panxoliña tradicional da zona de Verín, titulada “Cantar dos reis de Bustelo”, con notable aceptación en base ós aplausos do público presente.

A continuación, un ano máis, Brais Donís Novoa interpretaría dúas cancións ó violín “Pohlo” e “Noche de Paz”. Seguidamente, o grupo vocal da Escola de Música Bieito Blanco farían gala das súas grandes voces interpretando sendas versións de “Million Reassons” (Lady Gaga) e “Aleluya” (Leonard Cohen).

Finalizada a actuación do grupo vocal recollería o testigo o gran tenor Baldomero Pavón que deleitaría ós presentes coa súa extraordinaria voz, interpretando: “Alfonsina y el mar” e “Oh Sole Mío” e arrincando o efusivo aplauso do respectable. Chegaría entón o momento para ese gran instrumento: o acordeón, onde Bieito Blanco tocaría unha fermosa canción rusa chamada “Katinka” e logo rodearíase de Lucía Meijón ó acordeón e Alba Blanco á pandeireta para interpretar unha composición propia titulada “Rumba de Alba” dedicada a súa filla. A continuación o grupo de acordeóns da Escola de Música Bieito Blanco tocarían catro cancións: “Cerezo rosa”, “Vals Navideño”,”Viento del Norte” e “El tamborilero”.

A novidade deste ano correu a cargo duns invitados de excepción, os integrantes da gran Charanga BCB ,que tal e como nos teñen acostumados, nos deleitaron co son dos seus afinados metais e da súa rítmica percusión tocando as tres panxoliñas previstas: “Jingle Bells”,”Toca o pandeiro Manuel”, “Feliz Navidad” e tendo que facer un bis pola demanda do público congregado na igrexa.

Os encargados cerrar o concerto serían un ano máis os compoñentes da magnífica Coral Cantares do Miño (de Velle) que interpretarían catro cancións: “Adeste Fideles”, “Ave María en Belén”, “Navidad Azul” e “Yo te seguiré”.

Dende a asociación de veciños queremos agradecer a todos os músicos participantes a súa excepcional colaboración e implicación con este humilde concerto, de xeito moi especial a Bieito Blanco, a Cris (Profesora de pandeireta) e ós integrantes da charanga BCB.

Aquí deixamos un par de vídeos para que poidades revivir este gran concerto:

Pulsa neste enlace para acceder a galería fotográfica do IV Concerto de Fin de Ano Zarracós 2017

 

 

31 de Decembro do 2017




Destacamos