Unha fermosa costume popular que non debería deixarse caer no esquecemento
Dende tempos inmemoriais era unha tradición ben arraigada nestas terras saír a cantar os Reis polas casas das nosas aldeas. A noite do día cinco de xaneiro, grupos de mozas e de mozos, ben armados con pandeiretas, cunchas, latas, botellas de anís ou calquera outro instrumento improvisado, percorrían cada recuncho da nosa parroquia interpretando estas cancións da literatura popular que se foron transmitindo oralmente ó longo dos séculos. A cambio do seu cantar, a mocidade pedía o aguinaldo que xeralmente era en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas, etc.), que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada.
En moitos lugares, esta fermosa tradición foi caendo no esquecemento e xa non se leva, pero por sorte na parroquia de Zarracós isto aínda non ocorreu e grazas ós rapaces e rapazas do pobo, ós que este ano se uniron os alumnos e alumnas do Curso de Pandeireta, este 2018 houbo Cantos de Reis polas casas da parroquia.
Aquí tendes un par de vídeos desta fermosa tradición das nosas aldeas que non debería caer no esquecemento:
08 de Xaneiro do 2018