Organizada polo grupo Rebulir, tivo lugar o pasado sábado día 12 de maio de 2018
O pasado sábado, día doce de maio, as alumnas e alumnos do curso de iniciación a pandeireta e canto de Zarracós fixeron a súa estrea oficial ante o “gran público” na XII Noite de Fiadeiro en Vilavidal (Ramirás). Convidados polo grupo Rebulir de Cultura Tradicional interpretaron un “popurri” composto por tres cancións populares: cantar de seitura, muiñeira de Bembibre e pasodobre de Laxoso. Así, ante unha carpa ateigada de xente desexosa de troulear os alumnos e alumnas de pandeireta, cos nervios a flor de pel, amosaron a súa faceta máis artística, para recibir o agarimoso aplauso do respectable entre o que se atopaban moitos veciños da zona.
Dende a asociación de veciños non podemos máis que felicitar ó grupo Rebulir polo excepcional traballo realizado para poder organizar unha noite de fiadeiro de semellante magnitude e calidade, e como expresarlle noso máis profundo agradecemento a Cristina, a profesora de pandeireta, polo convite, pola súa entrega, pola súa dedicación, pola súa profesionalidade e polo excepcional trato ofrecido.
A continuación deixámosvos o vídeo da actuación e unha pequena galería fotográfica da actuación:
13 de Maio do 2018