Varias persoas da parroquia realizaron esta tarefa de limpeza de xeito altruísta
A festa do San Ceriz está ben pretiño por iso este domingo, día 10 de xuño do 2018, varias veciñas e veciños voluntarios xuntáronse para adecuar e limpar o atrio e as inmediacións da igrexa parroquial.
Pola mañá, ben cedo, este grupo de veciñas e veciños da parroquia reuníase no Campiño da Igrexa armados con todo tipo de ferramenta: motoserras, desbrozadoras, fouces, vasoiras, sachas ... e despois de varias horas de intenso traballo o resultado non pode ser máis positivo a tenor das imaxes axuntas e tanto o xardín anexo á igrexa parroquial, o adro, a estrada en dirección á Carpaceira e as inmediacións da reitoral locen lustrosas e limpas para as vindeiras celebracións.
Parabéns a todas aquelas persoas que arrimaron o seu gran de area para levar a cabo este traballo.
10 de Xuño do 2018