Camiño da Miguela, da Ambroesa e do Liñar
Iniciamos a nosa pequena andaina da fin semana nas inmediacións da chamada pista de “Tres Carreira”, alí sae un camiño que atravesa o lugar coñecido como a Miguela en dirección a Zarracós, e unha vez máis a nosa sorpresa é maiúscula ó atoparnos con varios sacos de escombro e lixo no inicio do mesmo, unha mágoa a falta civismo dalgunhas persoas nos tempos que vivimos.
Despois do mal sabor de boca inicial, o sendeiro amosa a súa faciana máis fermosa ó discorrer entre muros de pedra e sempre rodeado por carballeiras e algún que outro piñeiro. Así, sen apenas decatarnos, chegamos a unha intersección na que atravesamos o camiño do Pozo para seguidamente retomar o rumbo inicial por outro vieiro no que nos chama a atención un carballo rodeado de edres.
Logo de camiñar uns minutos, atopamos un novo cruce no que xiramos á esquerda para coller o denominado camiño da Ambroesa ou da Miguela, un camiño ben bonito que discorre soterrado entre valados e fielmente custodiado por carballos centenarios, e polo que descenderemos paseniñamente ata o camiño da Liñar que conduce directamente ata fonte Candóniga de Zarracós, e por conseguinte ata o pobo de Zarracós.
En definitiva, un paseo curto pero altamente recomendable, do que vos deixamos unhas cantas fotos.
11 de Xuño do 2018