120 persoas déronse cita no campo da festa de Zarracós para gozar desta nova edición do xantar popular
O pasado sábado, día 16 de Xuño, tiña lugar a XIX Edición do Xantar Popular do San Ceriz, coincidindo coa propia festividade de dito mártir. Esta é unha das celebracións máis consolidadas na nosa parroquia e boa mostra dilo son as máis de 120 persoas se deron cita no Outeiro para degustar un tradicional menú á feira, e iso, a pesares do notable incremento no prezo do prato ocasionado pola alza no custe do polbo.
Un ano máis, o día comezaba completamente despexado e cunha temperatura máis que pracenteira, pero dende logo nada comparable coa edición do ano anterior. Así, as boas condicións climatolóxicas permitiron gozar en toda súa intensidade da xornada festiva, que daba inicio cos correspondentes actos relixiosos que como ven sendo costume consisten nunha pequena procesión polo adro, seguida dunha misa solemne oficiada, neste caso, por Don David (cura de San Pedro da Mezquita) debido a que Don Miguel non puido asistir pola súa complexa axenda . Neste punto queremos salientar que a igrexa estaba perfectamente ornamentada grazas ó traballo desinteresado das mulleres do pobo, que sempre están dispostas a doar flores e a levar un inmenso traballo para que o noso templo este nas mellores condicións.
Rematados os oficios relixiosos todos aqueles que se apuntaron no xantar, previo pago dos 25 euros por comensal, dirixíronse ata o campo da festa de Zarracós para dar boa conta dun completo menú composto por: empanada, polbo, carne ó caldeiro con cachelos, bica, café, auga, viño branco e tinto, pan de cea e licores da terra,... e como se soe dicir, todo ilo “a fartar”. Ó finalizar, como calquera festa que se preste na nosa parroquia, non podía faltar o toque musical da sobremesa, que este ano correu a cargo dun grupo de música tradicional formado por: Antonio Losada (gaita), Begoña (Pandeireta), Bieito (Acordeón), Antonio del Río (Acordeón), José Díaz (Bombo e caixa), un veterano acordeonista e dúas novas promesas da música de raíz (á gaita e a caixa). Dende aquí queremos expresarlle o noso máis profundo agradecemento por facer gala de tan bo humor e deleitarnos co seu bo facer de xeito totalmente altruísta.
Despois de troulear un pouco, debería ser o momento para disputar o IX TORNEO DE CHAVE DE SAN CERIZ pero este ano a xente non se animou moito a participar o que deu pe a que os máis cativos puidesen practicar a súa puntería tirando á chave, e abofé que gozaron do xogo. Mentres, moitos dos asistentes optaron por xogar unha partida de cartas no local social ou por seguir trouleando ó son dos músicos.
Sen lugar a ningunha dúbida un completo día, que permitiu reunir a todos os veciños en torno a unha mesa, non só para degustar unha boa comida, senón para polo menos reunirse unha vez ó ano en irmandade e gozar da boa compaña e da festa!!!
Dende a Asociación de Veciños queremos dar as grazas a todos aqueles que participastes nesta festa, esperando que fose do agrado de todos!
A continuación deixamos uns cantos vídeos e no enlace abaixo figurante poderedes visitar unha extensa galería fotográfica desta festa.
18 de Xuño do 2018