O pasado domingo 1 de xullo a música tradicional e de raíz “inundou” o campo da festa
Cando se establece a data para un evento coa suficiente antelación, sempre hai factores externos que se escapan ó planificado inicialmente sobre o papel, e nesta ocasión non ía ser menos, pero aínda así, nin a meteoroloxía nin o partido da Selección Española de fútbol (con prorroga engadida) puideron vencer ó I Serán de Zarracós que “inundou” de música tradicional e de raíz o campo da festa da parroquia.
Así, tal e como estaba previsto, o serán daba comezo a iso das cinco e media da tarde coa actuación das alumnas e alumnos do curso de pandeireta e canto tradicional, que no seu primeiro pase interpretaron catro cancións: Cantar de seitura, Arrieiro, Mullerciña e Pasodobre de Laxoso. Seguidamente, sería a quenda das amigas e amigos de Celanova, A Bola e outros lugares que se animaron a asistir ó noso humilde evento e unirse á festa interpretando varias cancións do seu extenso repertorio. Para finalizar, os anfitrións interpretarían outras catro cantigas: Cantar da vendima, Muiñeira de Bembibre, Sete saias e unha canción tradicional portuguesa.
Unha vez finalizadas as actuacións “oficiais” a esmorga trasladaríase ó local sociocultural (que se quedou pequeno para tal ocasión), onde o público asistente puido dar boa conta duns pinchos e seguidamente dar paso a unha nova festa guiada pola improvisación dos asistentes. O ruxido das ferreñas, o fino son da gaita, o acompasado tamboril, a dozura do saxofón, o ritmo do acordeón, o estrondo do bombo, as afinadas voces,..... inundaron de música o lugar nunha celebración que se prolongou durante varias horas.
Dende a asociación de veciños e en nome da parroquia de Zarracós non podemos máis que agradecerlle as amigas e amigos de Celanova, A Bola e outros lugares a súa asistencia e implicación no noso primeiro serán, grazas de corazón. Así mesmo, tamén queremos agradecer a Cristina, a profesora de pandeireta e alma mater, a súa entrega, paixón, compromiso, dedicación, profesionalidade e trato dende o primeiro intre.
Agardamos que este humilde evento fose do agrado de todos aqueles que vos animastes a achegarvos ata o campo da festa de Zarracós, ogallá este solo sexa o inicio doutros moitos seráns, por que se algo necesitan os nosos pobos é humor.
A continuación deixámosvos uns cantos vídeos do evento e o enlace a unha galería fotográfica composta por máis de 140 imaxes:
Pulsa aquí para ver a galería fotográfica do I Serán Zarracós 2018
02 de Xullo do 2018