Praga da avespiña do castiñeiro, o pasado mes de maio presentamos un escrito á Xunta de Galicia para que actúe na nosa zona

Velaquí tendes a resposta que vimos de recibir e un manual de actuación ante esta praga

Praga da avespiña do castiñeiro, o pasado mes de maio presentamos un escrito á Xunta de Galicia para que actúe na nosa zona
Praga da avespiña do castiñeiro, o pasado mes de maio presentamos un escrito á Xunta de Galicia para que actúe na nosa zona

Dende a primeira vez que se detectou avespiña do castiñeiro nos soutos da nosa parroquia, na primavera do pasado ano 2017,  a súa presenza non fixo máis que medrar de xeito exponencial,  é tanta a súa incendia incidencia, que a día de hoxe é practicamente imposible atopar un castiñeiro que non estea infectado por esta especie invasora.

Nesta asociación de veciños sempre amosamos unha especial preocupación por esta praga, dado que as castañas supoñen unha aportación extra para moitos fogares da nosa parroquia, é así que  o ano pasado organizamos e financiamos unha conferencia sobre o Castiñeiro para froita, na que se trataron dúbidas sobre este e outros temas que afectan a esta árbore. Pois ben, novamente e neste senso, o pasado mes de maio do 2018 rexistramos na sede electrónica da Xunta de Galicia unha instancia dirixida a Consellería do Medio Rural para que os soutos desta parroquia sexan engadidos no plan de loita biolóxica contra avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) levado a cabo por dita consellería a maior brevidade posible.

Así, esta semana vimos de recibir a resposta a esta petición, que basicamente é un manual de actuación que pomos en coñecemento de todos:

Comunicación Dryocusmus Kuriphilus (Avispilla do castiñeiro)

Terminada a solta do parasitoide (Tourymus sinensis) da avispiña do castiñeiro (Dryocusmus Kuriphilus) continúan chamando moitos propietarios para comunicar que teñen os castaños infectados  e solicitando información do que poden facer ou como actuar.

No teléfono 881 997 187  de SEAGA, que de 9:00h a 14:00h os atenderán e recollerán os datos.

Respecto a posibles medidas culturais  estas son as recomendadas:

A avespa do castiñeiro Dryocosmus kuriphilus, procedente da China, é considerada a principal praga do castiñeiro europeo. Manifestase na primavera coa formación de bugallas nos novos gromos reducindo a superficie foliar fotosintética e impedindo o seu desenvolvemento.

A loita biolóxica con Torymus sinensis, parasitoide específico da avespa do castiñeiro tamén de orixe chinés, é a única medida eficaz para equilibrar a expansión desta praga e manter as poboacións da avespa por debaixo do limiar de danos.

A Consellería de Medio Rural levou a cabo unha solta progresiva de T. sinensis que comezou cunha liberación experimental no 2015 de 1.500 exemplares que se incrementou progresivamente no ano 2016 coa solta de 65.000 individuos, no 2017 coa solta de 133.000 exemplares e no ano 2018  705.000 exemplares.

Outras medidas que poden contribuír a que os danos producidos por a avespa do castiñeiro sexan menores son os coidados que se poidan dar ás árbores nos soutos para mellorar o seu vigor. Por exemplo a eliminación de competencia por outra vexetación, podas e a aplicación de rega a abonado. De particular interese son as regas durante o verano para prolongar o período de crecemento dos gromos, de xeito que as xemas dos novos gromos queden fora do período no que a avespa fai as postas.

Nas plantacións novas recoméndase a eliminación das bugallas para mellorar o vigor das árbores pero soamente en canto aparezan as galadas, non agora.

Nas plantacións ou soutos situadas en zonas de liberación do T. sinensis, sen embargo, non se recomenda a eliminación destas bugallas posto que nelas permanece o parasitoide ata a súa emerxencia na seguinte primavera. Polo tanto as galadas secas non deben quitarse en ningún caso, xa que o parasitoide pasa o inverno nelas ou ben xa están valeiras xa que a avispiña saíu.

A liberación do Torymus fíxose en todos os concellos con positivos rexistrados ou comunicados, que acadan o 90% dos concellos galegos.

Os tratamentos químicos están desaconsellados, xa que son pouco eficaces e daniños co medio.

Por último convén aclarar que en Portugal “algunhas persoas” ofrecen parasitoides aos particulares que logo non son nin Torymus nin parasitoides, polo que convén aclarar que non se producen en España nin en Portugal e só é posible unha importación experimental e autorizada polo  Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. Soamente a Administración pode facer a solta.

Para calquera dubida ou aclaración poñerse en contacto co Servizo do Medio Forestal

Vídeo internet explicativo da solta do Torymus sinensis en Galicia. Programa Labranza da TVG

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/labranza-1482

 

03 de Xullo do 2018




Destacamos