A cita musical tivo lugar pasado martes, día 3 de xaneiro, do 2023
Despois dun ano de pausa obrigada e de outro de transición, o Concerto de Aninovo (Nadal) de Zarracós volveu a ser o de sempre recuperando o seu formato tradicional. Así e a pesares de celebrarse entre semana, martes 3 de xaneiro de 2023, a igrexa parroquial de San Andrés de Zarracós volveuse ateigar de público disposto a gozar desta entrañable cita musical, algo que sen dúbida, nos enche de orgullo, pois completar o aforo dunha igrexa do rural galego para algo que non sexa un enterro é un feito verdadeiramente excepcional nos tempos que corren.
Así, polo presbiterio dunha igrexa parroquial ateigada de público para tal ocasión, foron pasando un importante abanico de artistas profesionais e non tan profesionais. Os primeiros en subir ó improvisado e solemne escenario foron os alumnos e alumnas do curso de pandeireta e canto tradicional de Zarracós acompañados polo grupo de baile BailaBroa, que interpretaron e bailaron cinco cancións: “A Rama” (Cantar da raia), “Morena por ti” (Muiñeira corrida), “Muiñeira do Manuel” (Cantar de ano novo), “A fe do cego” (Cantar de Reis) e “despedida dos Reis de Zarracós”.
A continuación, sería a quenda para as pianistas. Así Olga Martín interpretou “O preludio de Bach”, Lucía Rodríguez tocou “Mariage D’amour” e para finalizar a artista local Maricarmen Peña interpretou a “Arabesque Nº1 de Debussy”. Seguirían as violinistas Eva Rodríguez e Joenny de Luna co “Aleluia” de Leonard Cohen.
Xa no ecuador do concerto o dúo composto por Bieito Blanco ó acordeón e Alba Blanco á pandeireta tocarían maxistralmente un “Popurri de cancións galegas así como outras cancións propias”.
De seguido, chegaría o momento dos e das cantantes, primeiro o gran tenor Baldomero Pavón deleitou ós presentes coa súa extraordinaria voz cantando: “Lúa Branca”, “Os paxariños” e “Non ti scordar di me”. En segundo lugar Alis Vázquez e Antía Mazaira a dúo deleitarían ó respectable coa canción “All I want for chritsmas is you” (Mariah Carey) e finalizaría maxistralmente o bloque de canto Marta Justo coa canción “So this is Christmas” dos Beatles.
Nesta edición, o remate do concerto foi a cargo do gran Grupo de acordeóns da Escola de Música Bieito Blanco que interpretaron media ducia de pezas: “Pequeña flor”, “Chiquitita”, “Dous amores”, “Blanca Navidad”, “Fum, Fum, Fum” e “Toca o pandeiro Manuel”.
Para por o broche final, todos os artistas participantes subiron ó escenario para interpretar todos xuntos e co público varias panxoliñas: “Con un sombreiro de palla”, “Los peces en el río”, “En el portal de Belén”, “Rin Rin” e “Que se despierte”, esta ultima ben bailada polo grupo BailaBroa.
Dende a Asociación de Veciños non nos queda máis que dar as grazas a todas e a todos os que fixestes posible un Concerto de Aninovo tan fermoso, de xeito moi especial a Bieito Blanco e a todos os seus alumnos e alumnas, a Cristina Calle (Profesora de pandeireta) e ós integrantes do Grupo de Baile BailaBroa, e como non, tamén agradecer a presenza do fantástico público que ateigou a igrexa parroquial de Zarracós un ano máis, e xa van oito edicións.
Aquí deixamos os vídeos de todas as actuacións para que poidades revivir este gran concerto:
06 de Xaneiro do 2023