Recentemente esta Asociación de Veciños ven de coñecer a resolución da Asociación O Vieiro- Leboreiro (encargada de xestionar os fondos Europeos para as comarcas de Celanova e da Baixa Limia), na cal se nos denega a subvención solicitada para equipar o novo local, por non considerar dita actuación obxecto de axuda.
Ante esta situación, e dado que existe un pequeno remanente de tesourería (motivado polo balance positivo da festa das Neves), na última asemblea ordinaria da Asociación de Veciños decidiuse mercar o seguinte: dez cadeiras de madeira (similares ás existentes), dous taboleiros acantonados, seis cabaletes de madeira, un percheiro-paragüeiro, dous portarolos con escobiña e dous colgadores adhesivos. Material todo, por un importe de 311,87 € que se pagaron con cargo aos fondos deste organismo.
A esta adquisición de mobiliario tamén podemos sumar a de catro estanterías de pvc mercadas antes da festa das Neves, por un importe de 65,80 €, e que se colocaron no almacén do novo local socio-cultural co fin de organizar un pouco todo o material que alí se garda.
En total, estas dúas actuacións suman un importe de 377,67 €, e veñen a complementar o material do que xa dispomos en ámbolos dous locais.
15 de Setembro do 2012