O tellado da Igrexa Parroquial de Zarracós loce como novo

A obra foi pagada integramente con cargos ós fondos da asociación de veciños

O tellado da Igrexa Parroquial de Zarracós loce como novo

Durante a semana pasada, operarios da empresa Construcións Novoa (de Zarracós), procederon a realizar diversos arranxos sobre o tellado da igrexa parroquial e o resultado abofé que é ben vistoso, pois este parece completamente de estrea, tal e como se pode apreciar nas fotos adxuntas a este artigo.

Ó longo de moitos anos e debido ó ciprés existente ó carón do templo, a cuberta foi acumulando gran cantidade de lixo e musgo, que sen lugar a ningunha dúbida, favorecían a filtración de auga ó interior do edificio. Así mesmo, tamén había pequenas goteiras na espadana do campanario e na san cristiá.

O obra consistiu na realización de diversas operacións de mantemento, por unha banda procedeuse a limpar toda a cuberta con auga a presión, substituíronse todas as tellas rotas que se atoparon e aplicóuselle un tratamento impermeabilizante; por outra banda arranxáronse as goteiras procedentes da espadana do campanario e da san cristiá colocando unhas xuntas novas feitas con medias tellas.

Cabe salientar que esta obra foi integramente pagada con cargo os fondos da asociación de veciños.

14 de Xullo do 2018




Destacamos