Un dos últimos temporais deste inverno estragou a carteleira do campiño da Igrexa por completo, en consecuencia, dende a asociación de veciños tomouse a decisión de encargar e pagar con cargo a fondos propios unha nova carteleira de maiores dimensións ca anterior, dado que esta se quedaba algo escasa para a gran cantidade de carteis que se viñan colocando na mesma ó ser un importante punto de reunión para a veciñanza.
Así, a semana pasada, membros da xunta directiva da asociación procedían á colocación da nova carteleira no seu novo emprazamento, a parede do garaxe da Julita e do Antonio, un lugar máis resgardado das inclemencias do tempo, que de seguro permitirá unha maior duración, sen perder visibilidade para os veciños ó atoparse igualmente no campiño da Igrexa Parroquial.
A anterior carteleira intentarase reparar e ver se é posible aproveitala para colocar noutros puntos da parroquia onde sexa necesario.
Dende a Asociación de Veciños queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a Julita e Antonio por permitir a colocación desta carteleira na súa parede de xeito totalmente altruísta.
10 de Abril do 2017